O Val, contexto e historia

Plano antiguo de la construcción del Valle de Cuelgamuros

O Val de Cuelgamuros, antes coñecido como O Val dos Caídos ou El Valle de los Caídos, é o principal monumento do franquismo. Concibido por Francisco Franco para celebrar a vitoria militar e acubillar os corpos dos vencedores da Guerra Civil (1936-1939), a súa construción precisou duns dezanove anos. Para iso empregouse en gran parte penados como man de obra. O espazo foi inaugurado polo ditador o 1 de abril de 1959, no marco da conmemoración do vixésimo aniversario da vitoria na guerra. Foi, dende o principio, un monumento só para os vencedores.

Aspectos funerarios do Val

A partir de 1959, máis de 33.000 cadáveres de persoas que morreron na guerra comezaron a chegar ás súas criptas. Un dos primeiros corpos foi o de José Antonio Primo de Rivera, fundador do principal partido fascista español, Falange Española, que fora executado en 1936 no cárcere de Alicante e trasladado a finais de 1939 á basílica do Mosteiro do Escorial. En 1975, o propio Francisco Franco foi soterrado alí, tres días despois da súa morte.

Durante varias décadas -antes e despois do enterro-, o Val foi un referente fundamental primeiro para os partidarios do ditador e, tras a súa morte e o proceso de democratización, para os nostálxicos do réxime, tal e como se expresou nas celebracións do 20 de novembro, aniversario da morte de José Antonio e Franco, os dous personaxes históricos que presidiron a xerarquía funeraria do recinto no altar maior da basílica.

Movemento memorialista do século XXI

A partir do ano 2000, en relación co nacemento dunha nova cultura memorialista en España -vencellada aos paradigmas transnacionais dos dereitos humanos-, acentuouse o cuestionamento do status quo do monumento por parte da sociedade española. O descubrimento da presenza nas súas criptas de civís republicanos executados polas forzas franquistas, trasladados de fosas comúns sen o permiso ou o coñecemento dos seus familiares, así como de soldados da República, convertérono no reduto máis polémico da memoria do franquismo. A continuidade dalgúns actos conmemorativos relacionados coa ditadura, alén da ausencia dunha redefinición sistemática no monumento, contribuíron a iso.

Resignificación do monumento

Esta páxina web propón unha nova ollada sobre o monumento, a partir da análise da súa historia arquitectónica, relixiosa, patrimonial, funeraria e política. Para resignificar o monumento hai que explicalo. Máis aló da falsa historia de reconciliación improvisada pola ditadura de finais dos cincuenta, cómpre descifrar entre outros aspectos as motivacións da súa construción, o despregamento de recursos laborais e económicos nun contexto de posguerra, a razón e o sentido dos elementos arquitectónicos que o compoñen, a cosmovisión nacional-católica que nel se plasma, o proceso irregular de traslado de milleiros de cadáveres ao seu cemiterio vinte anos despois da guerra, a súa mobilización política como refuxio do franquismo aínda hoxe, ou a súa posible conexión ou contraste cos lugares de memoria noutras partes do mundo.

A pedagoxía nun marco comparado

Explicalo no seu contexto histórico e na súa existencia actual como anacronismo require, entre outras medidas, deseñar propostas pedagóxicas dirixidas a distintos tipos de público e en formatos fundamentalmente dixitais que acheguen as ferramentas necesarias para promover formas de cidadanía abertas, inclusivas e plurais, plenamente conscientes da súa propia historia, e capaces de detectar e desactivar as derivas totalitarias ou antidemocráticas que poidan medrar no seu interior.

Neste sentido, a resignificación do Val permite desenvolver unha visión crítica e informada da nosa historia recente, en todos os seus matices e alén da propaganda ou de posicións fechadas.

Pero explicar o Val require tamén ampliar o foco analítico máis aló das condicións locais, para inserilo no máis amplo marco da memoria europea, así como no contexto globalizado das culturas e prácticas dos dereitos humanos no mundo contemporáneo.

Cara a un centro de interpretación

Como xermolo dun centro de interpretación máis amplo do Val, esta web oferta elementos de información que se ampliarán no futuro: unha cronoloxía apoiada en materiais audiovisuais de época e contemporáneos; un espazo de investigación que fai referencia á documentación histórica do monumento, textos académicos publicados e proxectos de investigación en curso; un contexto transnacional para reinterpretar o monumento no marco de debates sobre a natureza e a xestión dos lugares da memoria nas sociedades contemporáneas, e unha sección de noticias institucionais.

Tamén ofrece información práctica aos visitantes para o acceso e uso do conxunto monumental.